Foto: Fernando del Río Martínez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo Arqueológico Provincial de Ourense
Inventario CE004133
Objeto/Documento Tabula
Título Tabula hospitalis de Castromao
Materia/Soporte Bronce
Dimensiones Anchura = 23 cm; Grosor = 0,40 cm; Altura = 31 cm
Descripción Esta peza foi descuberta con motivo das escavacións que en 1970 realizaron, o entonces director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, D. Xesús Ferro Couselo e D. Xoaquín Lorenzo Fernández. Os traballos, que se centraron na zona norte da plataforma protexida pola muralla, exhumaron un complexo e interesante conxunto habitacional.
A tabula é unha placa rectangular de bronce, con marco moldurado, cun apéndice a modo de lingüeta e unha asa na parte superior, na que se recolle un pacto de hospitalidade entre os coelernos e un prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos, cun texto epigráfico no que se pode ler:

G(neo) IVLIO. SERVIO. AUGURINO. G(eneo) TREBIO.
SERGIANO. CO(n)S(ulibus).
COELERNI. EX-HISPANIA. CITERIORE.
CONVENTUS. BRACARI. CVM. G( neo). AN
TONIO. AQUILO. NOVAUGUSTANO.
PRAEF(ecto). COH(ortis). I. CELTIBERORUM.
LIBERIS. POSTERISQUE. EIVS. HOS
PITIUM. FECERUNT.
G(neus). ANTONIVS. AQVILVS. CUM. COELER
NIS. LIBERIS. POSTERISQUE. EORUM.
HOSPITIUM. FECIT.
LEGATUS. EGIT
P(ublius). CAMPANIVS. GEMINVS.

Sendo cónsules Gneo Julio Augurino e Gneo Trebio Sergiano, os "Coelerni" da Hispania Citerior e do convento de Braga, fixeron un pacto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos cos seus fillos e descendentes. Gneo Antonio Aquilo fixo pacto de hospitalidade cos "Coelerni", cos seus fillos e descendentes. Actuou como legado Publio Campanio Gémino.
A tabula serve para dar fe pública da relación que se establece, e como tal estaba custodiada nun edificio público da comunidade, nun lugar visible para todo os membros. Este tipo de documentos, ben sexan de hospitalidade ou de padroado, están redactados polo xeral da mesma forma: data polo consulado, nome do primeiro suxeito, tipo de pacto e segundo suxeito, concluindo coa fórmula final na que se indica o legado que intervén.
Sábese que a tabula de Castromao é do ano 132 d.C. porque este ano corresponde aos cónsules que aparecen nela: Gneo Julio Serio Augurino e Gneo Trebio Sergiano.
Dos coelernos, unha das partes do pacto, tíñanse noticias polas fontes literarias, sobre todo Plinio e Ptolomeo, e por aparecer entre as dez civitates do convento de Braga, no denominado Padrão dos Povos de Chaves, columna inscrita na que estes pobos renden homenaxe a Vespasiano. A tabula permite situar a súa capital Coeliobriga no recinto castrexo de Castromao.
O pacto que se establece é un hospitium, acordo de amizade entre os coelerni e un individuo, Gneo Antonius Aquilus Novaugustanus, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos. Como notario para autentificalo actuou un representante do poder político-administrativo, o legado Publius Campanius Geminus.
A práctica do hospitium está ben testemuñada no mundo antigo, tanto en Grecia como en Roma, e podía ter tanto un carácter público como privado. En calquera caso o pacto establecía unha relación de equilibrio entre as partes, que eran consideradas como iguais, e tiña un carácter permanente, afectando aos propios asinantes, aos seus fillos e descendentes.
A peza constitúe un claro exemplo da ausencia da muller no mundo do dereito público e político no imperio romano. Ao non gozar do ius suffragii (dereito a votar nas asembleas), nin do ius honorum, nin do ius prouocationis (dereito a apelar á asemblea do pobo contra as sentencias dos maxistrados), a muller non foi considerada membro da civitas de pleno dereito, polo que a súa intervención na toma de decisións políticas e cidadáns era nula.
A muller carecía de calquera forma de poder político polo que nunca aparece na epigrafía á fronte das organizacións indíxenas, nin firmando pactos de hospitalidade. Neste caso, certamente, a historia está escrita exclusivamente polos homes.
Datación 0132
Contexto Cultural/Estilo Galaico-romano
| más imágenes |

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad