Foto: Fernando del Río Martínez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo Arqueológico Provincial de Ourense
Inventario CE005183
Clasificación Genérica Escultura
Objeto/Documento Escultura
Título Sedente de Pedrafita
Materia/Soporte Granito
Técnica Labrado
Dimensiones Altura = 64 cm; Anchura = 36 cm; Profundidade = 45 cm
Descripción Representa unha figura sentada nun trono á que lle falta a cabeza. É simétrica, frontal, hierática e aparentemente basta. Viste unha sinxela túnica sen cinguir que, sen deixar adiviñar a súa anatomía, chega por debaixo dos xeonllos. As pantorrillas simétricas, ben moldeadas e lixeiras, contrastan coa sensación cúbica e de pesadez que transmite o resto da talla. Os pés, dos que só se conserva o dereito, non nos permiten saber se vai ou non calzado xa que, a diferenza das mans, os dedos non están sinalados. Como únicos adornos da súa indumentaria leva en ambos pulsos un aro ancho a modo de pulseira que contribúen a dinamizar en algo a postura ríxida dos seus brazos, que sosteñen un recipiente de libación entre as súas mans.
A figura séntase nun trono de gran exuberancia formal, decorado con motivos de dentes de lobo nos traveseiros laterais e cun trisquel no respaldo, motivo recurrente en toda a plástica castrexa, e cremos que empregado aquí para acentuar o valor simbólico que comporta o trono, emblema en todas as culturas antigas da divinidade dos deuses, dos homes de alta linaxe, ou dos mortos divinizados, ata o punto de acadar por si só o carácter divino ou real, e así indicarnos con isto o que está a representa a figura.
Datación 100[ac]=100
Contexto Cultural/Estilo Galaico-romano
Lugar de Procedencia Pedrafita (San Martiño)
Historia del Objeto Nos traballos de extracción realizados cunha excavadora golpeouse o ombreiro esquerdo arrincando parte do mesmo e tamén o pé esquerdo, aínda que vai ser doado recosntruílo xa que conserva o seu compañeiro e a peza é razoadamente simétrica. Xa nunha rotura máis antiga, nótase a falla do remate esquerdo da cadeira e tamén a parte inferior esquerda da mesma. A superficie da parte superior que abrangue a zona dos ombreiros está completamente chá e bastante pulimentada, polo que se supón que nalgún tempo estaría ó descuberto, facendo de escalón ou pedra de paso, ou mesmo servindo de aguzadoiro.
Clasificación Razonada Os sedentes son a plasmación plástica das inquedanzas, anhelos ou medos do home galaico-romano ante a morte ou a divinidade e, sen dúbida, representan unha das manifestacións máis interesantes da escultura do noroeste peninsular.
Como toda as imaxes entronizadas, dende o punto de vista formal presenta un gran conservadurismo. É simétrica, frontal, hierática e aparentemente basta, pero como opina Balil isto non é froito dunha incapacidade senón a resposta intencionada para satisfacer os gustos tradicionais dunha clientela indíxena, que adoptando un modelo e idea mediterráneos fan propia, vestindo co seu, roupas, xoias e armas. Esta idea tomaría forma, según Calo Lourido en época xulio-claudia, ou pola contra poidera ser xa coñecida con anterioridade polos contactos comerciais co sur peninsular ou durante a primeira época da conquista. Sexa dunha maneira ou doutra, as persoas que os contemplaban podían aprecialas e entendelas independentemente das ríxidas normas foráneas. Por iso o interese do escultor en detallar só algúns elementos esenciais, que indican o alto estatus do personaxe e que teñen unha forte carga ideolóxica, facilmente recoñecible polo grupo social que demanda a escultura. Características que comparten cos guerreiros, facendo así da escultura castrexa un grupo homoxéneo e diferente ao doutras áreas peninsulares.
Por outra parte, o feito de que todas elas apareceran dun xeito casual, sen cabeza e todas reaproveitadas, agás as de Xinzo das que Ferro opina que se atopaban in situ, vai dificultar e suscitar variadas interpretacións sobre a súa funcionalidade. Colmenero defende que aquelas figuras portadoras de vaso son masculinas e as restantes femininas, intrepretándoas como matres ou parellas divinas e incluso tríadas á maneira gala. Outros autores póñenas en relación coa veneración á terra-nai asociadas ao culto ós mortos como Deméter. Tamén se interpretan como oferentes tipo Cerro de los Santos, aínda que a súa posición sedente non parece a máis lóxica, xa que tódolos oferentes coñecidos acostuman aparecer de pé e en actitude de ofrecer algo á divindade. Recentemente Calo Lourido sustenta a idea de que sexan representacións masculinas cunha funcionalidade funeraria ligadas ao rito da incineración; chega a esta conclusión ao ter a de Lanhoso un burato na base do seu asento, que el opina que serviría para conter as cinzas e, por analoxía, fai extensible esta función a todas as demais, relacionándoas así coas damas sedentes do mundo ibérico, tipo Dama de Baza. Se isto é así ¿que reprersentan? ao defunto heroizado á maneira grega ou a unha divinidade que axuda ao defunto no tránsito das ánimas ao Máis Aló. Esta función funeraria, tamén segundo Calo, tería o seu fin cando deu comezo o ritual de inhumación e fosen substituídas polas estelas, representacións cun concepto moito maís individualzado sobre o sentido da morte.
Bibliografía Exposiciones: El paradigma de la escultura castrexa. La Región. Ourense (l): 19/01/1998.

LUIS TORRES, Mª I. O sedente de Pedrafita. Boletín Auriense. Ourense (l): 1997, XXV. pp. 37-50.

OUTEIRIÑO, M. Historia en cuatro tiempos: Hace 25 años y Las joyas del Museo. La Región. Ourense (l): 19/01/1998.

VEIGA ROMERO, A. M. Sedente de Pedrafita. Peza do mes. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 02/2000. Disponible en: <http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_2000_02_gal.pdf> Consulta: 02/02/2017.

VV.AA.. Unha escolma de escultura. 2006. pp. 70-72; Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Xunta de Galicia, Ourense.
Forma de Ingreso Doazón
Fecha de Ingreso 18/03/1995
Catalogación Veiga Romero, Ana María
| más imágenes |

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6