Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-54
Clasificación Genérica Estruturas, edificios e as súas partes
Objeto/Documento Clave
Autor/a Taller compostelán [De tradicion mateana]
Materia/Soporte Granito
Técnica Labra
Dimensiones Longo = 44 cm; Altura = 29,50 cm; Anchura = 44 cm
Descripción Clave do antigo claustro da catedral. Na fronte xorde, do interior dunha rosca torcida a dereita, o busto dunha figura masculina sen barba despregando un filacterio. En cada unha das catro esquinas que se forman entre os nervios -compostos estes dun amplo toro central e dunha escocia a cada lado-, aparece cadansúa representación: dous dragóns alados que se cruzan, un cuadrúpede enroscado que parece durmir, unha figura humana axeonllada que sostén sendas cabezas de animais coas súas mans (evocadora da imaxe do parteluz do Pórtico da Gloria, relacionado con Daniel entre leóns e con raíces no mundo antigo oriental) e, por último, un animal serpentiforme que parece devorar a un home ao que ataca pola cabeza (con paralelos no arco meridional do mesmo pórtico). O detallismo de certos elementos: pelo, plumas, escamas, etc, presentes nalgúns animais, contrasta con resgos aparentemente torpes como a vestimenta da figura coas cabezas baixo os brazos, etc.
Distintas lecturas son posibles para interpretar estas representacións. Parece plausible o indicado por Victoriano Nodar no sentido de estarmos ante unha dicotomía, tan habitual polo demais neste contexto. Por unha banda a figura central que custodia e ensina a Palabra, representada pola cartela, e pola outra o perigo e a loita contra o pecado, quer dun xeito latente, representado polos dragóns e o posible león repousando, quer dun xeito real plasmado no réptil devorando o home e na figura que sostén as cabezas animais.
Iconografia Escena relixiosa
Datación 1250[ca] (Mediados século XIII)
Contexto Cultural/Estilo Gótico
Lugar de Producción/Ceca Santiago de Compostela (Santiago (comarca), Coruña (A) (p))
Uso/función Arquitectónico / ornamental. Peza central dunha bóveda de crucería.
Lugar de Procedencia Santiago de Compostela
Lugar Específico/Yacimiento Antigo claustro da catedral de Santiago
Historia del Objeto <EXPOSICIONS>: O Pórtico da Gloria e a arte do seu tempo, VIII Centenario do Pórtico da Gloria, Catedral de Santiago de Compostela, 1988; Galicia no tempo, Convento de San Martiño Pinario, Santiago de Compostela, do 24 de xaneiro ao 1 de setembro de 1991. Gallaecia petrea: Cidade da Cultura de Galicia, Museo de Galicia, do 15 de xuño ao 15 de decembro de 2012. [Esta clave e as demáis atribuídas ao antigo claustro da catedral compostelá, foron atopadas ao realizar a pavimentación da ala norte do actual claustro ente os anos 1963-1964 coa dirección técnica de Francisco Pons Sorolla e artística de Manuel Chamoso Lamas.]
Clasificación Razonada Dentro do programa de reforma do conxunto catedralicio compostelán que promove o arcebispo Juan Arias (1238-1266), xunto coa frustrada remodelación da cabeceira románica e coa intervención no pazo arcebispal, figura a construción dun claustro acorde co resto do templo e co refinado do cerimonial que se advirte nas celebracións litúrxicas do momento. A moda imposta polo taller do Mestre Mateo vai condicionar aos autores desta importante edificación que suporá un referente para outras construcións: claustro da Colexiata do Sar, claustro de Toxosoutos, etc.
Nos primeiros anos do século XVI, e por mor dos avatares habidos en décadas anteriores con frecuentes conflitos sociais na cidade, o claustro amosaba un estado ruinoso que aconsellou a súa substitución polo actual, proxectado por Juan de Álava. Restos significativos do antigo permanecen aínda in situ, outros foron vendidos e unha parte importe foi reaproveitada como material de construción na obra nova.
O coñecemento da interesante edificación de Juan Arias débese en boa medida á información arqueolóxica. A deficiente difusión, sen embargo, dos resultados das intervencións realizadas, provoca aínda moitas dúbidas sobre diversos aspectos da súa estrutura, do programa iconográfico, das modificacións e engadidos, etc.
Bibliografía CHAMOSO LAMAS, Manuel. Nuevas aportaciones al conocimiento del arte del Maestro Mateo. Separata de: Príncipe de Viana, nº 96-97 (1964). pp. 225-238.

NODAR FERNÁNDEZ, Victoriano R.. Fondos de escultura románica del Museo das Peregrinacións. (Traballo de investigación inédito). 2003. 18-33, 85-86.

PÉREZ OUTEIRIÑO, Bieito. A irrupción da plástica gótica: tradición e innovación (I)= La irrupción de la plástica gótica: tradición e innovación (I). Gallaecia petrea: Cidade da Cultura de Galicia, Museo de Galicia, do 15 de xuño ao 15 de decembro de 2012= del 15 de junio al 15 de diciembre de 2012. Santiago de Compostela: Fundación Cidade da Cultura de Galicia, 2012. pp. 388-391.

YZQUIERDO PERRÍN, Ramón. Clave figurada. Galicia no tempo: [exposición] Mosteiro de San Martiño Pinario, Santiago de Compostela, 1991, coordinación Mercedes Aznar López, Luz de Gaztelu y Quijano. Santiago de Compostela: Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, 1991. p. 200.
Forma de Ingreso Depósito
Fecha de Ingreso 16/01/1965
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito; Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6