Clasificación Razonada |
A importancia desta pequena obra estriba en que se trata dunha colección singular de indumentaria feminina dunha época en que existe un gran interese por viaxar para coñecer novos territorios e novas xentes. O resultado destas viaxes plásmase a miúdo en publicacións nas que, acompañando ao texto, hai importantes repertorios de cartografía, debuxos de cidades e monumentos así como das xentes que poboan eses territorios.
Esta obra bibliográfica está a representar, pois, unha realidade histórica do seu momento e participa, a un tempo, da denominada "literatura para ver", constituída por un grupo de obras das que, a partir da observación das súas ilustracións, o "lector" podía deducir (por comparanza con outras imaxes e co seu propio entorno) a súa composición de lugar, sendo pois partícipe da idea transmitida na obra.
O interese singular pódese apreciar tamén na representación dun repertorio de personaxes femininos lucindo a indumentaria propia da súa condición social (fidalga, comerciante, intelectual, de servizo.) e dunha zona xeográfica situada entre o extremo máis meridional de Francia e o Norte de España ata Santiago de Compostela. Cada unha das mulleres representadas terma dun caprichoso cartel a xeito de escudo mixtilíneo en azul sobre o que figura, en letras douradas, o texto indicativo da súa condición e/ou localidade da que proceden. Ditos lugares pertencen a un amplo espectro xeográfico que abarca dende o sur de Francia (San Xoán de Luz) ata Santiago de Compostela, con localidades que se situarían no Camiño da Costa e no Camiño Francés.
Parece probable establecer un percorrido do seu autor empezando en Pamplona, para proseguir por Logroño, provincia de Burgos, Ponferrada ata Santiago de Compostela para regresar polo Camiño do Norte ou da Costa, por Oviedo, San Vicente de la Barquera, Santander, Langreo, San Sebastián, Rentería, Hondarribia e San Xoán de Luz.
O virtuosismo técnico despregado na representación, aínda que fai lembrar exemplos semellantes propios de finais do gótico, non deixa de mostrar os coñecementos técnicos propios do Renacemento, predominantes en todo o conxunto de miniaturas.
En canto á dobre paxinación, é probable que obedeza a distintos criterios de ordenación e mesmo a dúas encadernacións distintas. A última sería realizada no momento da actual confeccionada a principios do século XVII. A orde na que aparecen dispostas as acuarelas parece ser feita dun xeito aleatorio, non respectando unha secuencia xeográfica nin de calquera outra natureza. Resulta probable, non obstante, que a colección estivese composta orixinariamente por un maior número de debuxos. En canto á súa disposición, esta parece evidenciar a existencia dunha ruta de entrada en España e outra distinta de saída para Francia.
Finalmente, e non menos importante, está o feito de que os personaxes representados, todos eles mulleres, estean vinculados a localidades relacionadas con algunha das principais rutas da peregrinación xacobea, rematando en Santiago de Compostela. Este dato engádelle unha singularidade sen precedentes porque está marcando a personalidade da ruta xacobea así como testemuña o feito de que esta levante outras curiosidades que van máis aló da pura peregrinación á tumba do Apóstolo, precisamente nun momento no que, por mor da rotura da igrexa anglicana e da Reforma protestante, a peregrinación xacobea experimenta un certo rexeitamento en boa parte de Europa.
Así, pois, a singularidade presente na indumentaria feminina en distintas localidades polas que descorre esta ruta (Camiño Francés e Camiño do Norte) debeu chamar a atención a algún "artista-peregrino" francés do século XVI que deixou recollido nos seus debuxos un documento extraordinario e único que permite que nos acheguemos a unha realidade social que se nos presenta, na maioría dos casos, como intanxible ou inalcanzable.
Os repertorios de personaxes cos seus traxes característicos constitúen unha moda moi propia dos séculos XVIII e XIX, e son, sen embargo, extremadamente raros no século XVI. Precisamente, soamente temos constancia doutras dúas coleccións de natureza semellante: unha na Biblioteca Nacional de Francia, en París (estudada por Henri Bouchot), e a segunda no Musée Condé (Chateau de Chantilly). A pesar da falta dun estudo comparativo pormenorizado das mesmas, pódese indicar, non obstante, que os debuxos do repertorio existente no museo e os da Bibliteca Nacional coinciden nun 80% se ben é diferente a ortografía, o colorido dos traxes e mesmo o escudo no que se grafían os datos identificativos. Así mesmo, algúns personaxes deste exemplar non aparecen no de París e os que ostentan o mesmo título son distintos. Por outro lado, tamén parecen ser obra dun artista diferente.
No que respecta á colección de Chantilly, é preciso dicir que recolle traxes de diferentes países de Europa, dos que soamente dous pertencen a España.
Polo momento, non se pode deducir cal das obras conservadas sería a orixinal ou primixenia e se as outras puideran ser copias realizadas na época aínda que cabería tamén a posibilidade de que se trate de obras relacionadas, precisamente, pola temática que abordan pero independentes entre si.
|