Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-477
Clasificación Genérica Pratería; Obxectos rituais e cerimoniais comúns; Obxectos devocionais; Cristianismo: obxectos rituais e cerimoniais
Objeto/Documento Cruz
Nombre Específico Cruz procesional
Materia/Soporte Prata [na súa cor e sobredourada]
Técnica Fundición
Calado
Sobredourado
Picado de lustre
Cicelado
Relevado
Dimensiones Longo = 2,70 cm; Alto máx = 88 cm; Ancho máx = 54,40 cm
Descripción A cruz, con alma de madeira, é latina abreviada de brazos rectos e terminacións treboladas conopiais precedidas por medallóns cuadrilobulados. Os campos da cruz encóntranse totalmente cubertos por unha profusa ornamentación composta de roleos vexetais, un variado repertorio de animais fabulosos -grifos, quimeras, delfíns, grotescos-, entremezclados coa decoración a candelieri composta por mascaras e mascarons, motivos vexetais e xarróns. Todo delimitado por un triplo filete abocelado que recorre totalmente o perfil da cruz e do que parte unha crestería calada de floronciños con remates de perillas nos ángulos.
No anverso cuadrón central cuadrangular sobre o que se sitúa, sobreposta, a imaxe do Crucificado. Cristo vertical con brazos en V, tres cravos, morto cos ollos cerrados, cabeza inclinada cara súa dereita, nimbada e con coroa de espiñas. Perizonium corto recollido na parte central e anudado a súa esquerda o que propicia xenerosos pregues. Os cravos, o pano de pureza, o nimbo, a barba, a cabeleira e a coroa de espiñas aparecen sobredourados proporcionándolle a esta imaxe, realizada en alto relevo e de estudada anatomía, unha grande plasticidade. Nos medallóns cuadrilobulados, placas superpostas cos símbolos de tres evanxelistas con filacteria; á esquerda, o león en representación de san Marcos; arriba, a aguia de san Xoán; e á dereita, o boi distintivo de san Lucas. Baixo a Cruz, unha figura masculina barbada, sedente e coa súas mans enlazadas diante do peito en actitude de oración.
No reverso, sobre o cuadrón central, aparece unha representación do Apóstolo Santiago entronizado e cos atributos máis característicos da iconografía do peregrino. Ataviado con túnica talar e manto, leva colgada a escarcela, calza botas e cubre a cabeza con sombreiro de aba ancha dobrada e decorada cunha cuncha de vieira, coa man dereita suxeita un bordón ao que lle falta o fragmento superior e coa outra man sostén o Libro Sagrado que alude a súa labor evanxelizadora. Sobre os cuadrilóbulos emprázanse as seguintes figuras: a esquerda, Adán saíndo do sepulcro; a dereita, a Virxe sedente cuberta con toca e manto, mostra súas mans enlazadas diante do peito; no superior, san Xoán cos atributos de Evanxelista; e no inferior, san Mateo personificado no anxo.
Iconografia Santiago sedente; Tetramorfos; Evanxelistas; Crucifixión; San Xoán Evanxelista; San Mateu; San Lucas; San Marcos; Creación de Adán; Virxe María; Aguia; Touro; Anxos; León; Paixón de Xesús; Flor de lis; Grutescos
Firmas/Marcas/Etiquetas [Non presenta marcas]
No medallón cuadrilobulado inferior do anverso
burilada
Datación 1534=1566 (Primeiros anos do segundo terzo do século XVI)
Contexto Cultural/Estilo Renacemento
Estilo prateresco
Lugar de Producción/Ceca España (Europa do Sur, Europa)
Uso/función Devocional e litúrxico. Como cruz principal da parroquia, emprégase nas procesións cristiás. O vástago trapezoidal de madeira serviría para insertar na macolla e á súa vez nun longo astil.
Descriptores Geográficos España
Historia del Objeto Antes da poxa pertencía a unha colección particular da que se descoñecen máis datos.
<EXPOSICIÓNS>: Un museo en crecemento. Adquisicións 1996-2001 Museo das Peregrinacións e de Santiago. 17 de decembro de 2001 ao 5 de maio de 2002. Caminhando sob as estrelas. Santiago e a peregrinaçâo a Compostela. Tesouro Colexiata Santiago do Cacem, Museo de Arte Sacra, Protugal. 5 de xullo ao 31 de outubro do 2007.
Clasificación Razonada As placas foron visiblemente removidas de lugar xa que a técnica en alto relevo que se utiliza nesta época, frecuentemente propiciou alteracións e en moitos casos a súa desaparición. Esta circunstancia desvirtuou o programa icnográfico orixinal que debeu ser para o anverso: a imaxe do Crucificado coa Virxe e San Xoán, deste modo a Nai e o discípulo predilecto de Xesús, encóntranse a ambos lados, como estiveron ao pe da Cruz no Calvario. Baixo esta escena situaríase un tema directamente unido ao da Crucifixión: a resurrección de Adán, -o primeiro home e responsable da entrada do pecado no mundo-, que se representa ao pe da cruz, resucitado pola acción redentora da sangue de Cristo e como símbolo da humanidade redimida. De máis difícil interpretación é a figura masculina sedente que podería ir situada sobre o Crucificado, aínda que o acostumado sería atoparnos neste lugar o Pelicano coas súas crías.
No reverso situaríase a imaxe de Santiago en Maxestade, e sobre os brazos da cruz, o Tetramorfos. A presenza do Apóstolo é certamente excepcional xa que o habitual é que apareza Cristo entronizado como na visión apocalíptica de san Xóan, a segunda parusía (Ap 4, 2-6). O Tetramorfos na iconografía cristián recibe dúas interpretacións; a máis aceptada e estendida, é a identificación destas catro figuras como os evanxelistas, receptores e anunciadores da doutrina do Salvador. E outra, más antiga, as interpreta como atributos de Cristo, segundo catro momentos da súa vida. San Gregorio explica que Xesús é home polo seu nacemento, touro pola súa morte, león pola súa resurrección e aguia pola súa ascensión. En definitiva atopámonos ante un Santiago entronizado que sustitue a imaxe de Cristo e que se encontra arroupado polas imaxes que lle corresponderían a este último. É moi posible que esta cruz pertencera a unha parroquia dedicada a súa advocación, aínda que non coñecemos documentos que avalen este feito.
A disposición que acabamos de propoñer axustaríase aos programas iconográficos habituais do momento, pero se temos en conta que se aprecia a execución de dous artífices diferentes, cabería incluso plantexar que non todas as pezas pertenzan a mesma cruz. Xa que é bastante evidente que unha man realizou o Tetramorfos, e probablemente o Crucificado e outra as imaxes de Santiago, a Virxe, san Xoán, Adán e o ancián barbado, todas elas de maior tamaño, máis alto relevo e un mesmo sistema de suxeición, mediante lengüetas. Fronte aos anteriores que son de menor tamaño -axustado ao espazo que ocupan-, baixo relevo e mesmo sistema de suxeición mediante perforacións para os cravos.
En canto ao seu estado de conservación hai bastantes deterioros: fallas na cestería, así como substitucións evidentes de partes perdidas, xa que se aprecian elementos de máis tardía execución que foron engadidos con posterioridade, como os desiguais remates en perilla e o fragmento superior do remate trebolado do brazo vertical do anverso.
Non conservamos a macolla da cruz, nin ésta presenta marcaxe algún, soamente puido ser localizada unha burilada no medallón cuadrilobulado inferior do anverso onde se sitúa o ancián sedente, por isto resulta imposible atribuír a súa autoría de forma máis precisa.
A estrutura da cruz ofrece elementos claros do gótico tardío como o é a adaptación das terminacións flordelisadas o as treboladas conopiais, así como o uso de placas con altos relevos en substitución dos medallóns para as imaxes; a xustaposición de superficies sobredouradas e superficies de prata na súa cor fálanos de elementos decorativos de carácter pictórico moi do gusto dos últimos años do século XV, ó igual que a distribución da decoración por tódalas superficies libres da peza incluso, máis alá dos límites de ésta, configurando a crestería e os remates externos. Pero a profusa decoración italianizante que cubre a cruz estanos a remitir a datas posteriores a 1530, cando se estende o predominio destes elementos xa no pleno Renacemento plateresco e por elo situamos a execución desta obra nos primeiros anos do segundo terzo do século XVI, cando se observa a introdución do adorno renacentista en pezas que seguen conservando unha tipoloxía e un linguaxe formal gótico.
Bibliografía GIGIREY LISTE, María Esperanza. Cruz processional [Trabalho espanhol]. No caminho sob as estrelas: Santiago e a peregrinação a Compostela, direcção de José Antonio Falcão. Santiago do Cacém - Beja: Cãmara Municipal, 2012. Vol. I, p.p. 212-215.

LARRIBA LEIRA, Mariel. Cruz procesional [Prata, calado, cicelado, fundido, picado de lustre, relevado, sobredourado, 2º tercio s. XVI]. Un museo en crecemento: Museo das Peregrinacións, adquisicións 1996-2001: exposición conmemorativa do 50 aniversario da creación do museo, coordinación Mª Isabel Pesquera Vaquero. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, 2001. pp. 278-279.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Tenteo
Fecha de Ingreso 11/07/2001
Catalogación Gigirey Liste, Esperanza
| más imágenes |
 
 
 
 

Foto: Xenaro Martínez Castro

Subir

© Ministerio de Cultura | v48.1 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6