Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-821
Clasificación Genérica Pintura; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Escola colonial [Anónimo peruano]
Título Santiago Mataindios
Conjunto Pezas da Exposición Santiago en América
Materia/Soporte Pintura ao óleo
Lenzo
Técnica Óleo sobre lenzo
Dimensiones Alto máx = 72 cm; Longo = 7 cm; Ancho máx = 152 cm
Descripción A iconografía do Santiago ecuestre "matamouros" da reconquista española fronte aos árabes convértese, xa desde os primeiros tempos da conquista e dominación de América do século XVI, no Santiago ecuestre "mataindios", atopando a súa orixe nas primeiras crónicas. A transferencia de contidos simbólicos e a súa adaptación, verifícase aquí claramente no imaxinario americano. Esta iconografía de Santiago ecuestre cae en desuso ata que coas revoltas de indios contra españois de finais do século XVIII cobra actualidade de novo en Perú. Este lenzo de factura popular, de feito, realízase durante ese período e está inspirado en modelos de similares características como o do Museo Histórico Rexional do Cuzco (Perú).
A figura de Santiago sobre un cabalo branco, portando a espada e deixando voar ao vento o amplo manto vermello, aparece recortada como unha silueta sobre a paisaxe, coma se dunha aparición se tratase, impoñéndose sobre os guerreiros incas, frecuentes na pintura cuzqueña dos séculos XVIII e XIX, dun gran realismo, algúns debaixo das patas do cabalo e outros sentados sobre as gradas do que parece ser unha pirámide. O significado destas imaxes, ofensivas para o indio, debeu ferir posteriormente a sensibilidade dos seus propietarios xa que o lenzo amosa as dobreces dun novo enmarcado que eliminaba as figuras dos indios xacentes aos pés do ameazante apóstolo e mesmo se lle chega a borrar a cara a un dos guerreiros indíxenas.
Iconografia Santiago Mataindios
Datación 1776=1800
Lugar de Producción/Ceca Perú (América do Sur, América)
Uso/función Decorativo / Devocional
Lugar de Procedencia Santiago de Compostela
Lugar Específico/Yacimiento Mosteiro de San Martiño Pinario
Historia del Objeto Este óleo foi adquirido en Perú para formar parte da exposición Santiago e América (1993) organizada pola Xunta de Galicia.

<EXPOSICIÓNS>: - Santiago e América. Mosteiro de San Martiño Pinario, Santiago de Compostela, 1993. - Caminhando sob as estrelas. Santiago e a peregrinaçâo a Compostela. Tesouro Colexiata Santiago do Cacem, Museo de Arte Sacra, Protugal. 5 de xullo ao 31 de outubro do 2007.
Clasificación Razonada Co remate da Reconquista, a idea do Santiago guerreiro, maioritariamente personalizado en Matamouros, pasa aos territorios americanos acabados de descubrir, pero mantén idénticos esquemas formais. A personalización do perigo, e polo tanto do mal e do pecado, nos "mouros", chega a mudar para asimilarse aos indíxenas, alleos á fe de Cristo, e polo tanto inimigos da Igrexa, que teñen que ser vencidos pola intervención divina, neste caso, pola virtude evanxélica de Santiago, "Miles Christi". A presenza en América da figura de Santiago a cabalo (nas distintas variantes que se poden apreciar: matamouros, mataindios, mataherexes, mataliberais, mataespañois, etc.) acada gran éxito motivado por varias razóns de entre as que se poden entresacar:
a).- O ardor guerreiro que acompaña aos conquistadores ansiosos de notoriedade e enriquecemento e que moitos deles teñen na súa mente os últimos episodios da loita contra o infiel "mouro". Escribe Francisco López de Gómara a mediados do XVI: "... comenzaron las conquistas de los indios acabada la de los moros, porque siempre guerrearon españoles contra infieles".
b).- A asimilación dun santo tan impetuoso con algunhas divindades indíxenas relacionadas coas forzas da natureza ou coa guerra, asimilándoo ao trono, ao lóstrego ou ao raio, ao que tal vez contribuíra tamén o bruído dos cascos dun cabalo trotando. Tal é o caso de divindade andina coñecida como Illapa.
c).- A gran cantidade de aparicións que os cronistas recollen de Santiago pelexando como cabaleiro en apoio dos exércitos españois e que se difunden como regueiros de pólvora por entre a poboación indíxena.
Compre indicar que a reafirmación do poder imperial español estivo relacionada coa difusión do culto ao apóstolo Santiago o Maior.
Bibliografía CABANO VÁZQUEZ, José Ignacio. Santiago Mataindios. Santiago e América: [catálogo da exposición] Mosteiro de San Martiño Pinario, Santiago de Compostela, 1993. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura e Xuventude, 1993. p. 389.

LORENZO, Ruth. Santiago Mataindios. Escola colonial. Óleo sobre lenzo datado no século XVIII. 2017. Lámina 19, páxina 39.; Flor de Santiago. A Coruña: Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 2017..

SINGUL, Francisco. Santiago Mata-Índios [Escola Peruana]. No caminho sob as estrelas: Santiago e a peregrinação a Compostela, direcção de José Antonio Falcão. Santiago do Cacém - Beja: Cãmara Municipal, 2012. Vol. I, p.p. 274-[275].
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 22/01/2007
| más imágenes |
 

Foto: Xenaro Martínez Castro

Foto: Marta Suárez Cota

Foto: Marta Suárez Cota

Foto: Marta Suárez Cota

Subir

© Ministerio de Cultura y Deporte Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6