Foto: Fernando del Río Martínez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo Arqueológico Provincial de Ourense
Inventario CE005048
Clasificación Genérica Epigrafía; Mundo funerario
Objeto/Documento Tampa sepulcral
Título Lauda funeraria de María
Materia/Soporte Granito
Técnica Labrado
Dimensiones Altura = 25 cm; Anchura = 64 cm; Lonxitude = 140 cm; Peso = 600 Kg
Descripción Bloque granítico de grao fino e forma trapezoidal que estreita cara os pés. A cara superior enmárcase por un baquetón continuo delimitado por unha incisión, ostenta unha cruz patada algo deforme, de brazos sensiblemente iguais a partir dun disco central, e unha inscrición, incisa, que se desprega en sentido lonxitudinal a partir da cruz, en cinco liñas de tamaño irregular.






Novembro

Tampa sepulcral 1152 Allariz


Francisco Fariña Busto






No mes de novembro de 1979 ao realizárense unhas obras no exterior da ábsida da igrexa de Santiago en Allariz, os traballadores da empresa Suárez de Construcciones, S.A., deron cunha pedra de certas dimensións e ao advertir que presentaba unhas letras, os responsables da obra notificaron o achado ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, consonte as directrices da normativa legal naquelas datas vixente, e pouco despois trasladaron á peza a Ourense para o seu ingreso no Museo, seguindo as disposicións legais relativas aos achados casuais.

Como resultado da descuberta realizáronse seguidamente unhas exploracións de urxencia no sector en obras, tentando orientar a investigación histórica para obter un contexto arqueolóxico das pezas así como doutros achados casuais que tamén ingresaron no Museo. As sondaxes revelaron a existencia dunha ampla zona de enterramentos preexistentes ao propio edificio da igrexa, xa que os seus alicerces se asentan sobre as tumbas abertas directamente no chan, tumbas que presentan planta de forma antropomorfa, de corpo trapezoidal e, moi destacada, a cabeceira de forma discoide, así como outras construídas por pequenas laxes de pedra colocadas na terra que rodeaba ao templo, delimitando un período de ocupación medieval e outro, anterior, de época romana moi alterado pola creación da necrópole medieval, tal e como no seu tempo publicaron Pérez Outeiriño e Fariña Busto.

A tampa descuberta é un bloque granítico, de grao fino, con veas de seixo, que ten un grosor de entre 15 e 25 cm, lonxitude de 140 cm e forma trapezoidal, con máis cumprimento no que sería a cabeceira (64 cm) que na parte inferior (54 cm). Na parte superior da peza, ben traballada, ao igual que os laterais, por contraposición coa parte inferior a penas desbastada, ten un baquetón inciso que a contorna e no seu interior destaca o relevo dunha cruz patada, algo deforme, de brazos sensiblemente iguais a partir dun disco central, e unha inscrición, incisa, que se desprega en sentido lonxitudinal a partir da cruz, en cinco liñas de tamaño irregular, na que se pode ler: A primeira liña está subliñada por una raia incisa que se bifurca na parte final, aínda que poderiamos pensar que en parte corresponde á indicación das abreviaturas da liña inferior. Trátase dunha lauda funeraria para inhumación infantil que constitúe unha das mostras máis antigas na que se recoñecen fórmulas de filiación en galego.
Iconografia Funeraria cristiá
Inscripciones/Leyendas Na cara superior. Dende a cruz patada, latín
EMCLXXXX // OBIIT FLacento nasalA Dacento nasalI // MARIA // FILLA DE PE // DRO ÇEÇAM (E(ra) M(ilésima) C(entésima) LXXXX (nonaxésima) // OBIIT F(amu)LA D(e)i FILLA DE PEDRO ÇEÇAM
No ano da Era de 1190, finou a serva de Deus María, filla de Pedro Geçam.)
Datación 1152[ca]
Contexto Cultural/Estilo Alta Idade Media
Lugar de Procedencia Allariz (l)
Lugar Específico/Yacimiento Igrexa de Santiago
Clasificación Razonada A expresión da data corresponde co cómputo habitual da época, en anos da Era, e que equivale ao ano de 1152 no calendario actual. Dende o punto de vista epigráfico as letras corresponden con modelos usados nesas datas, é dicir letras capitais, destacando a feitura singular dalgunhas delas: M, T, D; e outro tanto cabe indicar verbo das fórmulas empregadas: "Obiit" para indicar o pasamento, e a indicación de humildade cristiá "Famula Dei" que acompaña ao nome da defunta.
Dende o punto de vista formal encontrámonos diante dun tipo de laude funeraria dun modelo habitual dende finais do século X en Galicia, caracterizada pola figuración da Cruz de brazos equiláteros destacada e unha inscrición, tipo que parece imporse no núcleo compostelán a partir da laude de Teodomiro (do ano 847) o bispo descubridor do sepulcro do Apóstolo, e que, seguindo a interpretación realizada por Xosé Suárez Otero supón unha innovación nas formas, producíndose un período de convivencias entre as pezas que seguen a tradición anterior, moi asentada en Iria Flavia, pero documentada en moitos outros lugares de Galicia, con ampla cronoloxía, e representada polas tampas con decoración de estola, que manterá aínda durante un tempo a súa presenza, que incluirá mesmo a cruz como parte da súa iconografía e recibirá tamén unha inscrición identificadora, un proceso que se estenderá temporalmente ao longo de todo o século X e acadará nas súas derradeiras manifestacións ao comezo do século XI. Con todo, a nova forma imponse e con forza en Santiago, pero tamén se difundirá paulatinamente, ao longo dos séculos XI e XII ao territorio galego, como mostran exemplos como esta peza, ao tempo que se produce unha modificación importante na valoración do sarcófago como fórmula de preservación do cadáver enterrado, xa que como sinala o mesmo Suárez Otero para Compostela "o resto das laudes epigráficas, cando non están dislocadas da súa posición e función orixinaria, aparecen vinculadas a tumbas escavadas na rocha base do subsolo inmediato ás basílicas prerrománicas", circunstancia que, aínda que non constada totalmente, tamén se pode anotar no caso alaricano.
Por último, resaltar o feito de que na peza se aparece nun texto claramente latino unha expresión de filiación tan romance como a indicación "filla de..", e de elementos que nos fan pensar máis nun texto a medio camiño entre o latín, que representa o formulario tradicional (Obiit famula Dei) fronte a expresión romance, o que nos proporciona unhas pautas coincidentes co mesmo fenómeno que se aprecia na documentación escrita sobre papel ou pergamiño, da que os primeiros exemplos coñecidos son, máis amplos, e algo posteriores (ca. 1228), pero tamén documentados na mesma zona alaricana.
Bibliografía FARIÑA BUSTO, F. Tampa sepulcral. 1152. Allariz. Peza do mes. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 11/2007. Disponible en: <http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_2007_11_gal.pdf> Consulta: 02/02/2017.

FARIÑA BUSTO, F; SUÁREZ OTERO, J. Arqueoloxía medieval en Galicia. Unha aproximación. Trabalhos de Antropologia e Etnologia. Porto (I): 1988, 49-77. pp. 49-79; XXVIII.

FARIÑA BUSTO, F; SUÁREZ OTERO, J. Las necrópolis germánico suévicas. Galicia castrexa e romana. Galicia Terra Única. Santiago de Compostela: 1997.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B; FARIÑA BUSTO, F. Excavación de urxencia na praza Maior de Allariz. Boletín Auriense. 1981, XI. pp. 9-47.

VV.AA.. Galicia castrexa e romana. Galicia Terra Única. 1997. p. 310; Santiago de Compostela.
Catalogación Fariña Busto, Francisco
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6