Foto: Fernando del Río Martínez

:: Ampliar Imagen ::

Museo Museo Arqueológico Provincial de Ourense
Inventario DX1236
Clasificación Genérica Pintura
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Salgado Rodríguez, José María (Lugar de nacimiento: Santiago de Compostela (I), 1836)
Título Retrato de Juan Manuel Paz Novoa
Materia/Soporte Lenzo
Técnica Óleo
Dimensiones Marco: Altura = 90,50 cm; Anchura = 71,50 cm
Sen marco: Altura = 70,20 cm; Anchura = 53 cm
Descripción É un retrato de busto, de pequenas dimensións e formato ovalado, algo habitual no arquetipo de retrato burgués galego do romanticismo, e Paz é retratado á idade de vinte e nove anos, en posición lixeiramente terzada -case frontal- ante un fondo neutro; sobre o peito leva a medalla de catedrático. É unha obra moi académica, formal, na que a fidelidade ao retratado é o esencial de maneira que a pose, a vestimenta e as tonalidades usadas son consecuentes co obxectivo de dignificar o personaxe e outorgarlle a distinción social que lle corresponde. O rostro centra a nosa atención xa que é enfocado dende o ángulo superior esquerdo e queda no medio da penumbra circundante; Salgado reflicte con calidade os seus trazos fisionómicos: rostro alongado, fronte alta e pómulos lixeiramente caídos, pelo con carreiro ao medio, bigote amplo, pupilas cun toque de pincelada branca e mirada de certa seriedade melancólica. O xesto de Novoa é serio, adusto, e a súa postura corporal un tanto envarada e de certa sobriedade protocolaria. A cor é secundaria e só destacan pequenas pinceladas de carmín, o brillo prateado da medalla e o branco da camisa, que poñen o contrapunto ao negro da toga. A pincelada é curta, pouco matérica e apenas deixa trazas sobre o lenzo. O resultado final non está moi lonxe dos retratos destinados ás galerías de personaxes ilustres.
Iconografia Retrato masculino
Firmas/Marcas/Etiquetas No lateral dereito do lenzo, á altura do ombreiro do retratado., Óleo
Salgado Rodríguez, José María (1868)
(José Salgado/1868/Santiago)
Datación 1868
Historia del Objeto Según información do doador. Este lenzo pertenceu a Juan Manuel Paz Novoa, tras o falecemento deste último o retrato quedou en mans da súa esposa, Concepción Ávila Arines, e dado que non tiveron descendencia pasou a Ramona Ávila García, prima de Concepción. Anselmo López Morais -pai do doador- mantiña unha estreita amizade con Ramona e recibiu esta fotografía que nos ocupa e algúns obxectos máis de Paz Novoa que foron herdados pola súa familia e doados finalmente ao museo polo seu fillo, Anselmo López Carreira, no ano 2014.
Clasificación Razonada A segunda metade do século XIX é a época máis destacada da retratística galega, a industrialización no económico e o liberalismo no político provocan o ascenso dunha clase media burguesa que demanda este tipo de obras. Por primeira vez encontramos retratos de todas as clases sociais: aristócratas, burgueses, militares, profesionais liberais, etc., e grazas a Juan José Cancela del Río ?na súa dobre faceta de pintor e profesor? o retrato adquire protagonismo na nosa pintura, marcada dende os seus inicios pola falta de escolas de debuxo e pola carencia de demanda.
A información que temos sobre o pintor deste retrato, José Salgado Rodríguez, é escasa e procede principalmente de Couselo Bouzas e dalgunhas referencias da prensa do século XIX. Sabemos que naceu en Santiago de Compostela -na parroquia Santa María do Camiño o 23 de marzo de 1836, fillo de Francisco e de Juana- e que non tería falecido con anterioridade a 1889 xa que nese ano están datadas dúas obras súas. A escaseza de recursos económicos da familia impediu a súa marcha a Madrid para continuar e completar a súa formación artística que se desenvolveu en Galicia como alumno de Cancela del Río na Escola de Pintura da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. José Manuel López Vázquez encádrao no que el chama a xeración de románticos de 1830, da que tamén formarían parte Francisco Sobrino Iglesias, Vicente Valderrama Mariño e José Garabal Louzao, aos que considera plenamente románticos.
Naquel século a temática relixiosa era aínda inevitable así que Salgado pintou cadros como La Ascensión, La Dolorosa, El sueño de San José, etc.; na revista Galicia (1863) menciónase a súa participación na exposición anual da escola de debuxo da Sociedade Económica -como alumno da escola de adultos- con dous lenzos de tema relixioso: El Buen Pastor e La Santísima Trinidad, dos que se resaltan las felices disposiciones del Sr. Salgado y cuanto los buenos modelos influyen en la educación y perfección artística.
No que respecta ao retrato, para el posaron personalidades da vida galega do século XIX como Casto Méndez Núñez e familias da burguesía compostelá como os Mosquera, os Cimadevila ou os Mouriño, e en todos eles, como sinalaba Chamoso Lamas, corroboramos avisada observación y un correcto quehacer.
O retrato de Juan Manuel Paz Novoa -con certeza encargo persoal- foi pintado en 1868 en Santiago de Compostela xa que así asina e data o lenzo o autor. Obviamente Salgado Rodríguez é un artista inferior ao seu profesor Cancela del Río e moito menos alcanza a mestría dos retratos de Dionisio Fierros Álvarez que naqueles anos estaba a traballar en Santiago de Compostela; aínda así, podemos asegurar que é un bo coñecedor do seu oficio xa que o debuxo é correcto, a técnica é boa, a composición é sempre axeitada e non comete erros de vulto no tratamento das figuras.
Bibliografía ANEIROS GARCÍA, R. Retrato de Paz Novoa de J. M. Salgado Rodríguez. Peza do mes. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, 09/2015. Disponible en: <http://www.musarqourense.xunta.es/wp-content/files_mf/pm_09_2015.pdf> Consulta: 02/02/2017.
Forma de Ingreso Doazón
Fecha de Ingreso 05/06/2015
Catalogación Aneiros García, Roberto
| más imágenes |

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Fernando del Río Martínez

Foto: Roberto Aneiros García

Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6