Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1384
Clasificación Genérica Obxectos de Arte; Obxectos devocionais; Escultura
Objeto/Documento Tondo
Autor/a Escola española
Escola andaluza
Materia/Soporte Madeira
Técnica Talla
Dourado
Policromado
Estofado
Dimensiones Alto máx, = 37 cm2; Longo = 6 cm2; Ancho máx = 28 cm2
Iconografia Santiago o Maior; Santiago sedente
Inscripciones/Leyendas Filacterio, Pintado, Cursiva, Latín, Cursivo
S. Jacobus Maior Hispan. Patronus et Tutel. a Deo electus
Datación 1699-1800 (S. XVIII)
Contexto Cultural/Estilo Idade Moderna
Lugar de Producción/Ceca España (Europa do Sur, Europa)
Uso/función Devocional
Clasificación Razonada Estamos ante unha peza escultórica dedicada ao culto e realizada cun certo preciosismo co fin de fomentar no fiel que a contemple a devoción polo santo representado. Nun estudo detallado, poderíase seguir polo miúdo a evolución deste tipo iconográfico que nace coa imaxe gótica que preside o altar maior da catedral compostelá, anónima de ca. 1211 e que, á súa vez, toma a inspiración da escultura de Santiago do parteluz do Pórtico da Gloria, tallado coas directrices do Mestre Mateo unhas décadas antes. A importancia da escultura do camerino para a peregrinación é fundamental toda vez que ocuparía o lugar preferente no templo e indicaría o lugar no que se atopaba o corpo apostólico, non sempre accesible aos fieis e peregrinos. Por desgraza, a súa configuración inicial foi drásticamente transformada pasando dunha representación de Santiago como apóstolo en cátedra, simbolizando o bispo que presidía o templo e provisto do báculo en tau como distintivo adoptado polos bispos de Compostela, a un Santiago con indumentaria engadida de peregrino con esclavina bordón longo con cabaza, etc.
Daquel estado orixinario quedaría a imaxe que, a finais do século XIV - Ppios. XV, nos deixa o Tumbo B da catedral compostelá nunha miniatura e nalgún outro documento hoxe de gran interese. Nun momento posterior, e como consecuencia de doazóns, iríanse engadindo á imaxe un colar e unha coroa que serían obxecto de rituais especiais por parte dos peregrinos á súa chegada ao santuario.
Pero a imaxe máis difundida e máis representada sería o resultado da transformación da escultura pétrea gótica que se iniciaría na segunda metade do s. XVII (1671) de mans de Vega y Verdugo e que concluiría a principios do XVIII (1704) coas modificacións levadas a cabo polo arcebispo Monroy. A partir desta época as modificacións serían mínimas desde o punto de vista estético (substitución de pedrerías, perda dalgunha peza ou parte como o pectoral, etc.). A reprodución máis próxima a este estado sería posiblemente a recollida nun gravado utilizado polo impresor Antonio de Aldemunde en 1709, aínda que bastante esquemático, seguido polo óleo sobre lenzo pintado por José Antonio García de Bouzas en 1748 que se atopa na antesacristía da catedral. Nas "Constituciones" establecidas por Francisco Blanco, Arzobispo de Santiago, impresas por Ignacio Aguayo en 1781 figura unha xilografía anónima coa representación desta imaxe. Melchor de Prado en torno a 1807 realizaría un gravado que acadaría gran difusión e que tal vez sexa a última representación antes do espolio realizado na imaxe por mor da invasión francesa. Serían innumerables as referencias a reproducións desta imaxe, pero é preciso indicar que a técnica do gravado contribuiría a que se difundirse con amplitude. Estampas coa figura sedente da capela maior da catedral compostelá serían portadas por multitude de peregrinos. Jacobo de la Piedra realizaría varias que se incluirían de cabeceira de diversos modelos de compostelas, que acadarían unha grandísima difusión, ou mesmo nun "Memorial de las Sagradas Reliquias, que se veneran..." impreso en 1740.
Resulta de interese, con vistas a unha mellor interpretación da escultura que agora se comenta, a estampa que realiza Ángel Piedra (Santiago de Compostela, 1735-1800) en 1762 e que será impresa en 1771 para encabezar o "Sermon de nuestro gloriosissimo patrón primitivo, y tutelar sin
segundo de las Españas Santiago el Mayor...". A estampa inclúe diversas novidades na maneira de representar a figura sedente de Santiago e estas afectan tamén ao texto do filacterio que se modifica parcialmente e preséntase a Santiago como patrón tutelar de España por elección divina.
O texto completo da cartela do gravado de A. Piedra sería: "S. Jacobus Maior Hispan. Patronus et Tutel. a Deo Electus". É precisamente ese o mesmo texto que se pode ler no filacterio da escultura comentada. Pero son máis as coincidencias que se poden apreciar entre o gravado citado de Ángel
Piedra e a escultura. A disposición xeral dos panos, a visión do respaldo do trono, a almofada aos pés, a decoración de follas da parte frontal da cadeira..., coinciden en ambos os dous casos. Tal vez onde se constate unha maior diferenza sexa no tratamento da esclavina. O escultor procura
unha representación máis adaptada á propia prenda que a que luce a escultura catedralicia e para iso realiza unha esclavina aberta e, aínda que mantén a decoración de vieiras sobre bordóns cruzados, inclúe o motivo da estrela sobre o sepulcro, de raigame compostelá, aínda que non representada na estampa de Ángel Piedra. Este dato parece bastante relevante para poder datar a escultura na segunda metade do século XVIII, se ben determinadas características técnicas fan pensar en obras de talleres granadinos próximos a José Risueño (1665-1721) ou tal vez sevillanos relacionados con Luisa Roldana (1652-1706), polo que non pode desbotarse a idea de se se trate dunha obra saída dalgún obradoiro seguidor de calquera destes dous escultores andaluces.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 22/02/2014
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6