Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1016
Clasificación Genérica Obxectos de equipamento doméstico: mobiliario
Objeto/Documento Arca
Autor/a Escola castelá [Anónimo]
Materia/Soporte Madeira de piñeiro
Ferro
Veludo
Técnica Ensaiolado
Charnela: Forxado [Ferraxes, charnelas, pechaduras e goznes de ferro fundido.]
Fundición
Dimensiones Longo = 60 cm; Altura = 70 cm; Anchura = 117 cm
Descripción Arca con caixa prismática de base rectangular e tapa convexa suxeita á parte traseira por medio de dez charnelas que posibilitan a súa apertura. Toda a estrutura lígnea aparece recuberta por tea. A superficie exterior está forrada integramente por un veludo carmesí (probablemente orixinal) realizado segundo as técnicas tradicionais. Sen embargo, o forrado interior é recente debido a algunha posible intervención efectuada durante o século XX. Unha tea de fibra natural, tal vez liño ou lá, en tons azulados, substituiría ao previsible pano de damasco co que habitualmente se forraba o interior destes mobles suntuarios destinados ao almacenamento e transporte.
Non obstante, o máis salientable desta peza é, sen dúbida, o conxunto de ferraxes que reforzan a estrutura e ennobrecen a aparencia final da arca. A fronte e máis a tapa están gornecidas con dez ferros que forman na parte posterior as charnelas citadas e rematan na parte anterior en cunchas de vieira, agás o terceiro e o oitavo que se prolongan para continuar coa estrutura de peche na parte dianteira. O número de ferraxes é de catro cando se trata dos laterais.
A tapa decórase na súa parte dianteira cunha placa calada con tracerías xeométricas e formas angulosas que lembran arquerías góticas e aluden aos gabletes e frontes propios da decoración arquitectónica. Nos laterais, e seguindo o seu perfil curvado, outra placa calada e ornamentada, esta vez, con elementos fitomorfos estilizados e mantendo o mesmo remate de triángulos en crochet.
Non obstante, a parte máis vistosa constitúena o par de pechaduras de gran tamaño que conserva a arca na súa parte frontal. De configuración cuadrangular, ofrece unha exuberante decoración propia do gótico con sete torres caladas rematadas nos seus correspondentes pináculos con bola final. No centro presenta o cadeado e nos catro extremos da placa de perfil serrado aparecen outras tantas vieiras naturalistas. A pechadura prolóngase para a parte superior mantendo a decoración de torres, neste caso en número de tres. Cada unha das placas da pechadura sobreponse a unha ferraxe disposta en transversal e rematada en cada extremo coa correspondente vieira, formando cadanseu conxunto de grande interese técnico e decorativo. Dispón das súas respectivas chaves pero son reproducións modernas que responden a tipos de época.
Finalmente, conta cunha asa, tamén de ferro forxado e remates angulosos, en cada un dos laterais menores a fin de facilitar o seu transporte.
Iconografia Como remates dos ferraxes.: Vieira
Datación 1476=1525
Contexto Cultural/Estilo Tardogótico
Lugar de Producción/Ceca España (Europa do Sur, Europa)
Uso/función Almacenamento e transporte.
Lugar de Procedencia Tordesillas
Historia del Objeto Posible vinculación con algún centro relixioso de Tordesillas, toda vez que, tra-la Guerra Civil, é cando aparece no mercado de antigüidades nesta localidade, pasando por varias mans ata o momento actual.
Clasificación Razonada O mobiliario hispano de finais da Idade Media responde a unhas características semellantes ás que ofrece o resto do mobiliario da Europa Occidental, pero mostra unhas notas distintivas derivadas da tradición hispano-musulmana que afecta en maior medida a elementos e motivos decorativos. As arcas, de distintos tamaños e feituras, constitúen un dos elementos mobiliarios máis comúns no mundo medieval. Destinadas tanto ao almacenamento de graos como de materiais máis luxosos (enxovais de noiva, vestimentas a base de ricas teas, xoias, caudais, libros, documentos, etc.), boa parte delas teñen, ao mesmo tempo, unha finalidade de contedores para o transporte, facendo a función das actuais maletas e baúis. Soamente as arcas de luxo adoitan estar cubertas de teas e van provistas de ferraxes ricamente decorados, como é o caso deste exemplar. Como elemento de cubrición úsanse con frecuencia peles preparadas ad hoc ou reaproveitadas, pero tamén é frecuente a utilización de veludos en vermello monocor, saídos dos teares hispanos de Barcelona, Toledo, Granada, Sevilla ou Valencia.
En concreto, esta arca responde ás características propias do mobiliario da época dos Reis Católicos e constitúe, dada a súa calidade, un exemplar privativo das clases máis acomodadas. O feito de que ofreza varios zurcidos e remendos antigos indica a importancia que os seus donos lle outorgaron a este moble e a súa conservación.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 30/11/2009
Catalogación Domínguez Pallas, Desirée
| más imágenes |
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6