Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-915
Clasificación Genérica Pintura; Artes plásticas; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Cadro
Autor/a Anónimo [Escola española]
Título San Rafael Arcanxo
Materia/Soporte Marco: Madeira
Soporte: Lámina de cobre
Técnica Óleo sobre cobre
Dimensiones Ancho con marco = 15 cm; Alto con marco = 16,50 cm; Profundidade = 1,50 cm
Descripción Sobre un cobre de perfil ovalado, centrada e de fronte, reprodúcese a figura do arcanxo san Rafael respectado consonte unha das tipoloxías iconográficas máis habituais: portando vestimenta con elementos da indumentaria propia do peregrino. Como fondo represéntase unha paisaxe dividida en dous rexistros aparecendo no superior e máis amplo unha atmosfera limpa, libre de nubes e cun ton branco lixeiramente azulado, reservando o inferior para representar unha paisaxe de litoral con sinuosos entrantes da terra na auga e viceversa, adiviñándose no alén unha liña de montañas que contrasta coa paisaxe chaira da ribeira pola que se despraza o personaxe representado. Rafael, caracterizado coma un xove louro, de pel branca, coloretes nas meixelas, e coas alas propias da súa condición de arcanxo, veste unha ampla túnica branca, curta que permite mostrar as pernas, e de medias mangas, que axusta na cintura con cíngulo vermello. Sobre ela veste unha escalvina en cores grisáceos, de colo redondo e con lapelas incipientes, apreciándose insignias de peregrino sobre a súa parte dereita. Un amplo manto en azul claro, suxeito unicamente co brazo esquerdo, prolóngase pola parte traseira, voando e acentuando a sensación de movemento que o artista tamén ensaia no resto da roupaxe e mesmo na actitude de Rafael que aparece camiñando. Na cabeza leva unha diadema rematada na fronte cunha estrela que permite a caída dos cabelos que repousan sobre os ombreiros. Coa man dereita suxeita, en diagonal, un bordón de peregrino con regatón e gancho superior do que colga unha cabaza, mentres que coa dereita terma dun gran peixe que arrastra polo chan. Calza unhas sandalias de fitas que ata pola perna.
Importancia igualmente ten o marco moldurado en ébano realizado con tacos que lle proporcionan unha forma oitavada que reproduce un espello central de forma ovalada no que encaixa o cobre pintado. Polas súas características parece moi probable que o marco fose reaproveitado xa que estilisticamente estaría evidenciando modelos propios da centuria anterior. Polo reverso parecen apreciarse indicios dos labores de adaptación á nova peza.
Iconografia Arcanxo San Rafael
Datación 1701=1725 (Marco do s. XVII)
Contexto Cultural/Estilo Idade Moderna
Lugar de Producción/Ceca España (Europa do Sur, Europa)
Uso/función Cultual
Clasificación Razonada Tradicionalmente, e dende moi antigo, tense asociado a figura do arcanxo Rafael coa protección dos camiñantes, se ben a súa representación en España é bastante escasa precisamente ata comezos do século XVIII en que se empeza a difundir unha iconografía na que se salienta esta circunstancia en relación con Tobías. É precisamente no Libro de Tobías (12-15) no que se fai mención a que Rafael aparece como compañeiro deste xove na viaxe que debe facer para recuperar o préstamo que fixera seu pai a un parente e para casar con Sara, enviuvada varias veces por mor dun demo que estaba namorado dela. En todo momento Rafael protexe a Tobías e recoméndalle o mellor en cada caso, dirixíndoo con firmeza cara a un feliz matrimonio e á curación da cegueira de seu pai, feito este último que aparece simbolizado na presenza do peixe que ataca a Tobías cando atravesaban un río. Rafael recoméndalle ao xove Tobías que lle arrinquen o fel que vai servir para curar a cegueira de seu pai como así sucedería, e tamén para alonxar o demo da pretendida de Tobías coa que acabará casando. Trátase de historias que teñen claros paralelos noutras mitoloxías e que o mundo xudío recolleu e interpretou pasando tal crenza ao mundo cristián e tamén ao musulmán.
Precisamente as tres relixións consideran a existencia de sete arcanxos formando un dos nove coros de anxos divididos nas tres xerarquías clásicas. Nos textos bíblicos soamente se menciona o nome de tres arcanxos: Miguel, Gabriel e Rafael, obténdose o nome (discutible segundo tradicións) dos outros catro de textos apócrifos.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 22/04/2008
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6