Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-1081
Clasificación Genérica Pintura; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Táboa
Autor/a Círculo de; Zeitblom, Bartholomäus (Lugar de nacimiento: Nördlingen, 1455 - Lugar de defunción: Ulm, 1518) Escuela/Taller: Escola de Ulm [O foco mais importante deste período final do gótico é o constituído pola denominada escola de Ulm que aínda que fundada por Hans Multscher (1400-1467), sería sen dúbida Bartholomäus Zeitblom (Nördlingen ca. 1450-Ulm 1519) o seu pintor mais sobranceiro.]
Título Santiago peregrino
Materia/Soporte Capa pictórica: Témpera [Témpera graxa]
Capa de protección: Verniz
Marco: Madeira Dourado [Marco de nova factura]
Técnica Pintura á témpera
Marco: Dourado
Dimensiones Ancho sen marco = 38 cm; Alto sen marco = 97 cm
Descripción Representación da figura Santiago de corpo enteiro, en actitude de andar e virado en tres cuartos cara a dereita do espectador. Un amplo manto de intensa cor azul cobalto cubre practicamente a totalidade do corpo do Apóstolo en tanto que se recolle por diante e cae polo ombro dereito ocultando mesmo a súa man e parte do sinxelo báculo que suxeita coa esquerda. Esta artificiosa disposición incrementa a formación duns pregues acartonados que dotan de volume e movemento á prenda mediante á alternancia de luces e sombras. Apenas insinuada ante o protagonismo absoluto do manto, albíscase unha túnica de tonalidades lilas que chega ata os artellos, de manga longa e de colo en forma de tira que se pecha con botóns. Calza unhas botas que semellan ser de badana, de cana baixa (borceguíns), que se cinguen cunhas correas que se fan pasar por unha fibela metálica.
Sobresae, así mesmo, o tratamento da cabeza, realizada mediante un debuxo de trazo seguro e solto. A faciana de Santiago recréase con duras faccións, pómulos saíntes, nariz recto, cellas lixeiramente arqueadas, ollos executados con detalle mirando ao infinito e con barba e melena de cor louro. Cóbrese cun estudado sombreiro, posiblemente de coiro, con copa semiesférica e aba ancha volta decorada cunha gran cuncha de vieira naturalista na que se pode apreciar mesmo unha perforación para facilitar o cosido. Un gran nimbo circular e liso, aínda que con trazos de burelado (tal vez, para resaltar o efecto do ouro e conseguir matices distintos) enmarca a cabeza de Santiago.
A imaxe preséntase ante un fondo de composición tripartita. En primeiro lugar, o chan, que reproduce un pavimento de pequenas lousas brancas que contribúen a dar profundidade á escena; unha parte central que recrea un panel dourado delimitado por un listel e profusamente decorado a base de motivos vexetais e xeométricos realizados mediante dobres trazos que se rechean aplicando o puntillado, técnica que contribúe a ofrecer un aspecto de brocado que aporta gran riqueza de matices. Finalmente, a parte superior, que coincide co inicio da arcada que recorre todo o perímetro e contrasta notablemente coa anterior por resolverse mediante un fondo escuro e neutro no que se resalta o nimbo distintivo da santidade do apóstolo.
O marco que contén a obra, pola contra, é actual, sendo realizado "ad hoc" reproducindo unha crestería propia da época en que foi creada a peza.
Iconografia Santiago Peregrino
Datación 1480[ca]-1500[ca]
Contexto Cultural/Estilo Baixa Idade Media
Lugar de Producción/Ceca Ulm (Tubinga (distrito), Baden-Württemberg)
Uso/función Devocional. A configuración da táboa parece indicar que formaba parte dun políptico ou ben dun retablo, tal e como era habitual na época na que se circunscribe e na área xeográfica á que pertence a obra.
Descriptores Onomásticos Schüchlein, Hans
Schongauer, Martin
Galería Real de Sttutgart
Museo de Augsburgo
Museo Nacional de Arte de Romanía
Multscher, Hans
Moser, Lukas
Descriptores Geográficos Tiefenbronn; Heerber; Blaubeuren; Eschach
Clasificación Razonada Esta obra representa unha importante variante da iconografía de Santiago o Maior en tanto que prescinde de varios atributos xacobeos característicos como o libro, a escarcela, a cabaza ou a esclavina. Mención especial merece tamén a dureza que transmite o rostro, coa boca pechada e a mirada perdida, que parecen indicar cansazo e preocupación, actitude que se converte en algo moi frecuente nas representacións de Santiago e que se ven atribuíndo ao penoso e desmoralizante da misión evanxelizadora que realiza en Hispania, tal e como recolle a tradición.
En canto ás súas particularidades estéticas, estas parecen indicar que se trata dunha peza realizada a finais do século XV nos territorios meridionais de Alemaña ou na actual Suíza. Precisamente, nestes momentos finais do estilo Gótico, os pintores destas rexións interiores que se estenden entre o Rhin e o Danubio, tiveron como principal inspiración os traballos desenvolvidos por Martin Schongauer (ca. 1448-1491), excelente gravador que segue coa enraizada tradición artística tan querida en terras xermanas. As súas obras, entre as que as pinturas son bastante escasas, difundiranse por toda Europa e influirán en moitos artistas da época. Pero o foco, tal vez, máis importante deste período é o constituído pola denominada escola de Ulm que, aínda que fundada por Hans Multscher (1400-1467), sería, sen dúbida, Bartholomäus Zeitblom (ca. 1450-1519) o seu pintor máis sobranceiro e representativo. Destaca tamén nesta rexión Lukas Moser, considerado como o precursor da nova maneira de pintar, máis naturalista que a derivada dos ríxidos postulados do Gótico Internacional.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Directa
Fecha de Ingreso 24/09/2010
Catalogación Domínguez Pallas, Desirée
Subir

© Ministerio de Cultura | v48.1 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6