Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario D-785
Clasificación Genérica Libros relixiosos; Obxectos devocionais
Objeto/Documento Folla miniada
Título A Transfiguración
Materia/Soporte Pergameo
Técnica Pintado [miniatura]
Dimensiones Longo = 26 cm; Altura = 30 cm
Descripción Folla miniada de cantoral, de dimensións 30x26 cm. Miniatura pertencente a un cantoral, realizada en pergamiño. Na súa parte traseira vese un fragmento da páxina do cantoral. Composición dominada por un círculo realizado con estípites e motivos vexetais que enmarcan a escea. Esta escea divídese en dous rexistros: superior e inferior. No superior represéntase a Cristo en pé, envolto nun halo dourado e envolto asimesmo nunha nube, a cada lado del, sendos personaxes, un dos cales porta as Táboas da Lei. No rexistro inferior, os tres apóstolos agachados, en actitude devota. Ao fondo esténdese unha paisaxe, moi ben resolta na súa factura.O conxunto en si mostra a pericia e bo facer do miniaturista, os corpos están ben resoltos e destaca asimesmo o colorido que lles imprime Xesús coa túnica rosada, os apóstolos vestidos con tons rosados, verdes, laranxas, azuis, vermellos,e o azul do ceo. A masa de colorido imprime un gran decorativismo á escea.
Iconografia Transfiguración
Datación 1551=1600 (2ª metade do século XVI)
Contexto Cultural/Estilo Renacemento
Uso/función Folla ilustrativa dun libro de canto litúrxico. Un Cantoral ou libro de coro é un manuscrito musical de gran formato utilizado en igrexas e catedrais durante a Idade Media e o Renacemento. O tamaño do libro é o suficientemente grande como para que o coro completo poidese ler as notas musicais a distancia. Situábanse no centro do coro sobre un facistol.
Clasificación Razonada A finais do século XV a miniatura de carácter relixioso vive un esplendor que perdura nos primeiros lustros do século XVI, así como se experimenta tamén unha evolución dende as últimas obras góticas ás xa claramente renacentistas. A miniatura nestes anos caracterízase por un estilo híbrido e o carácter nórdico de moitas obras, froito da presencia de artistas flamencos, alemáns e franceses na pintura española da época.

Posibilidades de autoría. Presenta similitudes estilísticas coas obras dun miniaturista sevillano do terceiro cuarto do século XVI: Diego Dorta.De pai escribano, mantén a mesma profesión, tendo esta actividade na Catedral de Sevilla entre os anos 1543 e 1581. A primeira vez que aparece citado nos Libros de Fábrica é en 1543, ano en que escribe un caderno iluminado por Andrés Ramirez. Entre 1545 e 1554 iluminiu e probablemente tamén escribiu, varios libros de coro das Catedrais de Jaén e Baeza. En 1555 escribiu o libro da Fiesta de San Pedro y San Pablo, iluminado de novo por Andrés Ramírez, o que demostra que en Sevilla Diego Dorta aínda actúa tan só como escribano. En 1558 cobrou pola escritura de dous libros: Trinidad e San Juan ante Portam Latinam, Corona Domina y Revelacion de San Miguel, o primeiro dos cales iluminou Andrés Ramírez, por primeira vez este ano dise que puntou, cousa que até o momento non se especificara.En 1559 cobra polos libros Común de los Apóstoles, a Circuncisión e a Conversión de San Pablo. Aínda que nos Libros de Fábrica non se especifica que iluminara nada neles, iluminou, alomenos, o da Circuncisión, polo tanto, 1559 é a primeira data na que se pode constatar que está iluminando para a Catedral de Sevilla, á vez que o está facendo Andrés Ramírez. Sen embargo, a súa labor como iluminador debeu comezar antes, posto que nas Catedrais de Jaén e Baeza hai miniaturas atribuídas a el feitas entre os anos 1545 e 54.O último ano en que Diego Dorta recibe pagos é en 1581, xa que no mes de setembro do 83 o seu fillo Jerónimo cobra cantidades que se lle debían a el, o que fai supoñer que para esta última data estaba xa morto.Continuando o negocio familiar, Diego Dorta desenvolveu unha gran actividade na súa vida profesional. Debeu copar todo o proceso de fabricación do libro: mercaba o pergamiño, escribía, puntaba, iluminaba e encadernaba. Sen embargo, non comezou en 1543 a facer tódalas labores, senón que nun principio só escribía e até o ano 48 non se especifica que tamén puntou. A súa labor de iluminación non se constata até 1559, cando ilumina o libro da Circuncisión. Até ese momento el só escribe e, xeralmente, ilumina Andrés Ramírez, que segue ilustrando libros escritos por Diego Dorta até 1565 (Común de los Apóstoles). A partires dese momento el realiza tódalas labores, especialmente a de escribano e iluminador.Características da súa obra: A tipoloxía das súas obras é moi uniforme, sen evolucionar nos 20 anos en que estivo iluminando. Os seus personaxes masculinos son poderosos, cando o tema o permite, as súas musculaturas exaxeradas maniféstanse a través das vestiduras. Salvo excepcións, as súas roupas non responden á moda da época, case non usou máis que túnicas e armaduras. As ropaxes amplas marcan a liña do corpo, plegándose abundantemente e colaborando a darlle á figura un aire dinámico. Os tipos femininos son tamén macizos. Os tipos representados, especialmente anxos, mulleres e nenos, son rubios e brancos, respondendo aos ideais estéticos do momento.O fondo sobre o que se desenvolve a historia soe ser xeralmente rural, cunha árbore a un lado, con algunha cidade ou castelo en segundo termo e as montañas azuladas ao fondo. Sobre elas unha franxa de luz en contraste co resto do ceo, de cor máis intensa ou anubarrada. Parece como se quixera representar a aurora, o que contrasta con que os seus personaxes reciben unha iluminación case cenital que lles fai proxectar unha sombra breve pero intensa. As letras coas que inicia as historias fainas usando toda a gama do seu rico repertorio decorativo: monstros, perlas, roleos vexetais...

Representación da imaxe: Trátase dunha característica representación en miniatura sobre pergamiño da "Transfiguración" no Monte Tabor. É esta unha das pasaxes máis trascendentais da vida de Cristo na que se manifesta a natureza divina do Fillo de Deus. Faino en presencia dos tres apóstolos que constitúen o núcleo máis próximo e de maior confianza: Santiago, Pedro e Xoán. (V. Iconografía)
Bibliografía DOMÍNGUEZ BORDONA, Jesús. Miniatura. Ars Hispaniae: historia universal del arte hispánico, vol. XVIII (1962).

MARCHENA HIDALGO, Rosario. Las miniaturas de los libros de coro de la Catedral de Sevilla: el siglo XVI. Sevilla (m): Universidad de Sevilla, 1998.
Forma de Ingreso Depósito por compra. Tenteo
Fecha de Ingreso 08/09/2005
Catalogación Pesquera Vaquero, Mª Isabel
| más imágenes |
 
 
 
 
Subir

© Ministerio de Cultura | v50.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6