Clasificación Razonada |
Esta obra formou parte dunha exposición que a artista Borgny Svalastog concibiu e produciu expresamente para os espazos expositivos do Museo das Peregrinacións e de Santiago e tendo presente o significado que ten o propio centro en relación co fenómeno da peregrinación.
O tema decorativo basease na seguinte cita da Biblia: "Y tenía un muro grande y alto con doce puertas; y en las puertas, doce ángeles, y nombres inscritos que son los de las doce tribus de Israel" (Ap. 21 12).
O friso une dous universos narrativos nun dos seus puntos máis decisivos: a doutrina da salvación. A tradición cristiá está representada pola cidade sagrada de Xerusalén, a meta de peregrinación, e a tradición islámica ven representada pola historia das bandadas de paxaros que encontran o seu deus. A xustaposición é unha confirmación da dúas tradicións, e á vez un voo de saída, deixando atrás a afirmación que fan ambas as doutrinas de ser a doxa, a única doutrina verdadeira.
O simbolismo desta peza increméntase tamén co material utilizado na súa decoración toda vez que a perla é o símbolo do feto que está na cuncha, datada dunha fonda tradición da sexualidade feminina e da rexeneración nas distintas culturas. En definitiva, traduce o poder creativo feminino.
O traballo de tecedor supón aceptar un punto de partida ríxido e determinado. O tear presenta unha superficie cunha anchura decidida, e esta superficie presenta unha división, que depende de como se entrelacen as fibras. Visto así, o tear é unha máquina que produce algo idéntico, e que pode ser dividido e repetido. Podemos, polo tanto, producir coleccións téxtiles completamente (ou case) idénticas. Cando se utiliza deste xeito, o tecedor sométese á "actitude" do tear, que busca crear unha superficie conxelada de división, repetición e identidade: o modelo reproducido.
Así pois nesta peza en canto ao material e a técnica empregada é interesante seguir o proceso, dende o principio do tecido ata o bordado final, para confirmar que se pode crear vida sobre unha superficie "conxelada".
¿Como pode ter experiencia, e ser outorgada cun nome, a vida dunha superficie tecida? O dito ata gora deixa claro que se debe engadir algo á superficie, algo que rompe coa división conxelada. Cando alcanza a ruptura exitosa neste sentido, adóitasenos dicir que "o tecido respira". O material tecido perde o seu ritmo metrónomo e alcanza un ritmo libre. O ritmo do proceso de tecer pode ser traspasado á tea tecida, axudando a afrouxar ese ritmo. Tolerar os erros no tecido pode axudar a crear transicións fluídas, en lugar de que estas estean claramente definidas. A elección dos fíos distintos, con reaccións distintas ó mollado, pode crear variacións novas e diverxentes sobre a superficie. Un último tratamento do tecido con propósito de alisalo pode conducilo de novo a un estado conxelado debido ós métodos torpes, ou, por outra parte, pode fortalecer o estado suave,unha superficie viva grazas ós métodos xentís.
A tea tecida pode decidir o carácter do bordado en polo menos dous sentidos. O modelo da tea establece as condicións do tamaño do bordado,e o grosor crea resistencia ou facilidade de movemento da agulla no proceso de bordado. Isto tamén inflúe no estilo do fío bordado, que pode estar máis apertado ou máis frouxo. O bordado pode darlle ó téxtil "maior respiro" grazas ó seu ritmo. Este ritmo é o de todo o corpo, un estado baseado en compoñentes físicos e psicolóxicos, unha combinación feliz de fragmentos existenciais expresados desde unha posición sentada e nun particular estado mental.
DATOS BIOGRÁFICOS:
Borgny Svalastog nace en Nesset, Romsdal, Noruega en 1943 e aprende a bordar, coser e outros coñecementos textiles durante a súa xuventude.
Nos anos 80 comeza estudos de arte así como de debuxo, artes gráficas, acuarela e arte
téxtil como alumna do artista noruegués Inge Rotevatn. En 1983 monta o seu propio estudo e en 1984 mostra a súa producción na primeira exposición que realiza. Durante os anos 1984-85 continúa a súa formación na Academia de Arte de Edimburgo con artistas escoceses. Continúa facendo exposicións con traballos para igrexas pola súas fortes crenzas que se reflicten no seu traballo e remata a súa formación na Academia de Arte de Bergen comezando deste xeito un periplo de exposicións colectivas e individuais. A súa obra forma parte de numerosas institucións e museos como Museo de Arte Sorlandets, Comisión Olímpica Norueguesa, o Consello Noruegués de Arte, entre outros.
|
Bibliografía |
SVALASTOG, Borgny. 14 + 1 estacións: experiencias de con:tacto= 14 + 1 stations exercises in touching: Museo das peregrinacións, Santiago de Compostela, Spain, 30/6-17/9 2006. Bjarne Boym, Per(coord). Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2006. pp. 190-199.
|