Clasificación Razonada |
Tachola de bronce con restos de baño de ouro. Pola súa composición e decoración, posiblemente se trate dun obxecto que funcionaría como complemento de certo prestixio da indumentaria persoal. A súa forma de vieira está directamente vencellada ca simboloxía xacobea e compostelana (Bóveda Fernández, 2013: 106).
O contexto arqueolóxico no que se enmarca esta peza é o Castelo Medieval da Rocha Forte, situado a poucos quilómetros da cidade de Santiago, fortaleza militar baixomedieval e complexo residencial do arcebispo, señor das terras de Santiago. Construído en 1255 polo prelado Juan Arias e remodelado posteriormente en diversas ocasións. Esta fortaleza será finalmente destruída en 1466 tras a revolta Irmandiña.
Os obxectos elaborados en bronce recuperados na intervención arqueolóxica levada a cabo no ano 2013 (Bóveda Fernández), contan cunha boa representatividade. A súa funcionalidade é diversa e moi heteroxénea. O presente obxecto englóbase dentro dos denominados elementos da indumentaria (apliques, alfinetes, tacholas e fibelas) presentando a maioría deles decoración moi traballada. Outros elementos en bronce son os tiradores e un fragmento de bisagra / charnela decorada. Son esta clase de obxectos traballados e de materiais de boa calidade os que nos transmiten a existencia dun certo ambiente de prestixio e poder vinculados á mitra compostelá (César Vila, 2013: 40).
BIBLIOGRAFÍA:
- BÓVEDA FERNÁNDEZ, Mª José (2013): Intervención arqueolóxica no Castelo de A Rocha Forte. Memoria de escavación.
- CÉSAR VILA, Mario, coord.(2013): Rocha Forte, Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación, Concellaría de Desenvolvemento Urbano e sostible, Concello de Santiago.
|