Museo Museo de las Peregrinaciones y de Santiago
Inventario 1959
Clasificación Genérica Pintura
Objeto/Documento Táboa de retablo
Autor/a Escola aragonesa
Título A raíña Lupa vendo pasar o corpo do Apóstolo Santiago
Materia/Soporte Táboa
Técnica Óleo sobre táboa
Dimensiones Altura = 73 cm; Anchura = 46,50 cm
Descripción Un carro tirado por bois transporta o corpo de Santiago ante a expectación dos viandantes. Unha arquitectura moi estudada completa o fondo da representación, destacando no balcón do primeiro andar unha figura real acompañada de varios personaxes da súa corte.
Iconografia Translación no carro de bois; Conversión da Raíña Lupa; Santiago Apóstolo; Translación do corpo do Apóstolo Santiago; Atanasio e Teodoro; Ciclo da translación
Datación 1401=1600
Contexto Cultural/Estilo Idade Moderna
Lugar de Producción/Ceca Aragón (España, Europa do Sur)
Uso/función Devocional: posiblemente dun retablo.
Clasificación Razonada Esta táboa, xunto coa número de inventario 1958, pertencentes ambas as dúas a un retablo posiblemente do tramo aragonés do Camiño de Santiago, dispón dun valor especial na contorna da cidade de Santiago, onde teñen lugar os acontecementos relatados no lendario. Nas súas proximidades está Iria Flavia, o Pico Sacro, o Castro Lupario (residencia mítica da raíña Lupa), o río Tambre ou, aínda que máis afastado, cerca de Fisterra, o enclave de Duio ou Dugium. Entre os paralelos para esta representación pode citarse a táboa «Traslado do corpo de Santiago o Maior ante o palacio da raína Loba», obra de Martín Bernat, datada entre 1480 e 1490, e salvagardada no Museo del Prado.

Nesta táboa represéntase unha das últimas escenas do ciclo da translación do corpo de Santiago. A raíña Lupa intentara enganar a Atanasio e Teodoro no episodio do Pico Sacro, onde os enviara na procura duns bois. Estes resultaran ser touros bravos, pero milagrosamente amansan. Tras ver que os discípulos de Santiago conseguiran suxeitar os touros ao xugo, a raíña decidirá renunciar ás súas conviccións pagás e converterse ao cristianismo.

Este tipo de representacións sobre os ciclos xacobeos comezan a tomar gran forza inmediatamente despois do descubrimento do sepulcro (ca. 820-830). Entre eles, a lenda fantástica da translación adquire unha singular importancia. O documento máis antigo que recolle a viaxe do corpo apostólico desde Xafa ata Iria Flavia (Padrón) para enterralo na actual Compostela é a carta apócrifa atribuída a un papa León (algúns autores asígnanlla a León III) que se sitúa no propio século IX e que chegou ata nós en diferentes versións. O propio Códice Calixtino do século XII recolle unha destas versións coa finalidade de difundir o culto ao Apóstolo e a súa peregrinación. Así, o libro III do citado códice dedícase integramente a referir o traslado desde Xafa.
De todas formas, o libro con máis éxito a nivel internacional para difundir a vida do apóstolo Santiago, incluído a súa translación, sería a «Legenda Aurea» de Santiago da Vorágine, da segunda metade do século XIII. Recompila información elaborada sobre a ´translatio´. É esta a versión que pode ser considerada como definitiva e sen dúbida a que máis influencia tería na iconografía dos séculos posteriores, tal e como se ve nesta obra.
Catalogación Pérez Outeiriño, Bieito
| más imágenes |
 

Foto: Argimiro José Aldrey Pérez

Subir

© Ministerio de Cultura | v49.0 Accesibilidad | Mapa Web | Créditos | Contacte con Cer.es | Condiciones de uso | NIPO: 551-09-131-6